Apego no outono

BANNER APEGO OUTONO 2026

Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente porque as prazas son limitadas. Para anular ou modificar a solicitude ponte en contacto con nós a través do enderezo electrónico normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.

Se vives no concello de Pontevedra, tes crianzas de 0 a 6 anos (ou vas ter) e aínda non formas parte do programa Apego, visita o web e pide cita para sumarte.

Programa de actividades

Xoves 1 de outubro
PRENDE NO COLO, con Luís Prego e Samuel Soto

Para familias con crianzas de 0 a 3 anos

Sesión musical para aprender cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía.

— De 17.15 h a 18 h no Pazo da Cultura
— De 18.30 h a 19.15 h no Pazo da Cultura

Venres 9 de outubro
A VERBATECA, con Mekané

Para familias con crianzas a partir de 4 anos

Obradoiro centrado no vocabulario cotián que combina distintos xogos e probas para conseguir un tesouro de palabras fermosas. Ademais de enriquecer o vocabulario, traballaranse mediante o xogo aspectos como a memoria, a observación ou a coordinación.

— De 17.30 h a 18.30 h na Cova dos Libros Fantásticos

Venres 16 e 23 de outubro
A VOLTA AO ALFABETO EN 23 FOTOS, con Xaime Fandiño
(Actividade dividida en dúas sesións)

Para familias con crianzas a partir de 3 anos

Taller de creación dun libro fotográfico infantil. As familias participantes fotografarán obxectos coa idea de recoller imaxes que sirvan para construír o seu primeiro alfabeto visual. Durante dúas sesións, descubrirán como as imaxes serven para nomear, clasificar e contar historias.
A primeira parte céntrase na realización de fotografías de obxectos, formas e elementos dispostos polo espazo; na segunda parte utilizaranse as fotos obtidas para construír un libro colectivo que asocie unha imaxe a cada letra.

— De 17.30 h a 18.30 h na Cova dos Libros Fantásticos

Venres 30 de outubro
NON É UNHA CAIXA, coas Toupeiras

Música en directo, narración, teatro, xogo libre e exploración sensorial danse a man nesta actividade baseada libremente no conto Non é unha caixa e pensada para estimular a curiosidade e fomentar o uso da lingua entre as crianzas máis pequenas da casa.

Para familias con crianzas de 0 a 3 anos

— De 17.30 h a 18 h na Cova dos Libros Fantásticos
— De 18.30 h a 19 h na Cova dos Libros Fantásticos

Venres 13 de novembro
ONDE NACE A LINGUA, con Marta Ortiz

Para familias con crianzas de 0 a 3 anos

A través de adiviñas, trabalinguas, contos rimados acumulativos ou encadeados, xogamos cos sons, co ritmo, coa xestualidade e coa lingua de maneira divertida e participativa. Todo adubado con toques musicais, instrumentos e outros obxectos que enchen esta proposta de ritmo e frescura.

— De 17.15 h a 18 h na Cova dos Libros Fantásticos
— De 18.30 h a 19.15 h na Cova dos Libros Fantásticos

Xoves 19 de novembro
PARA CANTAR E BAILAR, con Luís Prego e Samuel Soto

Para familias con crianzas a partir de 2 anos

Obradoiro para aprender cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados; para experimentar os primeiros pasos do baile tradicional e practicar diversas melodías e ritmos.

— De 17.30 h a 18.30 h no Pazo da Cultura
— De 18.30 h a 19.15 h no Pazo da Cultura

Venres 4 de decembro
BICHOCAS, con Atenea García

Para familias con crianzas de 0 a 3 anos

Mediante os obxectos e a palabra viaxaremos polo mundo animal, estimulando a creatividade individual e colectiva, incentivando a observación activa das crianzas, favorecendo a socialización en galego na primeira infancia e recoñecendo a riqueza léxica do noso idioma.

— Primeira sesión: de 17.30 h a 18 h na Cova dos Libros Fantásticos
— Segunda sesión: de 18.30 h a 19 h na Cova dos Libros Fantásticos

Venres 11 de decembro
ARROLOS DE NADAL, coa Fundación Legar

Para familias con crianzas de 0 a 3 anos

Sesión de música, canto e movemento acompasado en familia para aprender cantigas e tradicións propias do noso Nadal.

— De 17 h a 18 h na Cova dos Libros Fantásticos
— De 18.30 h a 19.30 h na Cova dos Libros Fantásticos

As actividades relacionadas cos oficios que podes ver no cartel teñen formulario de inscrición de seu.

Máis información:
Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra
Teléfono: 986 863 157
normalizacionlinguistica@pontevedra.eu
snl.pontevedra.gal
instagram.com/lingua_pontevedra
facebook.com/apego.gal
apego.gal

Formulario de inscrición

  • Este campo es un campo de validación y debe quedar sin cambios.
  • (podedes aclarar o que queirades no cadro de observacións)
  • Indica as actividades por orde de preferencia

    No caso de non querer asistir a todas as propostas, podes deixalas en branco.
  • Aviso importante

    Unha vez enviado o formulario, recibirás un correo de confirmación.
    Se non recibes confirmación comproba a carpeta de spam ou chámanos ao número 986 863 157