APEGO no outono

Para unha grande aventura con futuro

Pontevedra, decembro 2018

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova quenda de actividades dentro do programa Apego. O programa abrangue distintas propostas dirixidas ás familias que xa tedes fillos e fillas ata 6 anos ou que estades agardando un novo membro; todas elas son de balde, e é necesario inscribirse. Se aínda non formades parte do programa Apego, visitade o web e solicitádenos unha cita www.apego.gal

Todos os obradoiros serán na rúa Sor Lucía, na Casa Azul; na sala dos espellos, no soto, agás a charla do venres 14 que será na sala Liñares.

As actividades están dirixidas a familias con nenas e nenos das idades indicadas en cada actividade.

As prazas por familia son para 1 ou 2 adultos por menor. Máximo 25 familias

Levade unha mantiña ou esteira para sentardes no chan.

Máis información:
Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra
Enderezo electrónico: normalizacionlinguistica@pontevedra.eu
Teléfono: 986 863 157
www.pontevedra.gal/apego/

Concurso de meigallos en vídeo para protexer a lingua. Para participardes en familia.

Para participar só tedes que:

1 Gravar un vídeo en familia cunha duración máxima de 2 minutos e medio seguindo algunha das seguintes tres temáticas:

– Receita para falar galego na casa. Como facedes vós para falar galego na casa?
– O voso xogo favorito. Cal é o voso xogo favorito? Como se xoga?
– Canción en familia. Tamén podedes cantar unha canción en familia e mandárnola. Pode ser orixinal ou unha versión!

2 Darnos permiso por escrito para usar a vosa gravación nas nosas redes sociais e sitios web, tanto do Concello como do programa Apego. No permiso tedes que indicar o nome de todos os membros da familia que estades inscritos no programa.

3 Enviar os vosos vídeos desde o 10 de decembro até o 31 de xaneiro:

– se usades Facebook, podedes colgalo no voso propio perfil e enviárnolo por mensaxe privada.
– se non usades Facebook, podedes enviárnolo a snl@pontevedra.eu directamente o vídeo ou unha ligazón para descargalo.

Podedes participar cantas veces queirades!

Temos como premio catro caixas do xogo Noite do Meigallo, de Brazolinda. Dous xogos serán para os mellores vídeos escollidos pola organización do programa Apego; outros dous sortearémolos entre todas as familias que participedes. En febreiro anunciaremos os vídeos gañadores e porémonos en contacto coas familias para recollerdes o agasallo.

Lembrade que, de acordo cos obxectivos do programa Apego, todos os vídeos deben usar só a lingua galega. Esta actividade está aberta unicamente á participación das familias inscritas no programa Apego do Concello de Pontevedra.

Obradoiro en 4 sesións relacionadas; de 0 a 6 anos*
Había unha vez, con Ruth Caramés de Fabaloba
Este obradoiro é para as nais e pais que gustades de contarlles contos ás vosas fillas e fillos, e para quen queredes contarllos e aínda non o fixestes, para intercambiar historias, maneiras de contar e, sobre todo, pasar un bo momento canda as pequenas. Desenvólvese ao longo de tres sesións de case dúas horas e remata cunha sesión na que as nais e pais participantes contaredes un conto en público.
— Martes 11 e 18 de decembro e 15 e 22 de xaneiro, de 17.00 a 19.00 horas

Obradoiro; de 0 a 3 anos*
Prende no colo, con Luís Prego e Samuel Soto
Para aprender cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas de 0 a 3 anos na linguaxe, no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos. Luís Prego é profesor de canto e baile tradicional e autor dos libros Para cantar e bailar e Xogos musicais.
— Xoves 13 de decembro, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco)

Charla. Para adultos**
A mitoloxía galega: un tesouro de seres máxicos, lendas e outros recursos para contar. Rafa Quintía, antropólogo, de Ab Origine. Antropoloxía.
As lendas de mouras, mouros, trasnos, tesouros, xeografías máxicas e sagradas forman parte do noso mundo mítico. Nesta xornada pretendemos afondar nelas para recuperar a súa función e utilidade como ferramenta de enculturación, educación, identidade e, como non, entretemento.
**Para que poidades aproveitar mellor a charla, teremos servizo de ludoteca e bebeteca dispoñible. Por favor, indícanos o nome e a idade da/s nena/s ou do/s neno/s no apartado para observacións do formulario.
— Venres 14 de decembro, de 18.00 a 19.00 horas

Faladoiro. Poden asistir tamén nenas e nenos
O teu parto consciente, con Cristina Fariñas, psicóloga especialista no eido perinatal
Falaremos do parto apoderado: onde e con quen podes informarte, quen pode acompañar o teu proceso; que decisións podes tomar e como. Parto gozoso e sen medo: o parto como proceso fisiolóxico normal; a influencia das expectativas no parto, a toma de decisións; a xestión de emocións; a dor como aliada.
— Mércores 19 de decembro, de 17.00 a 18.30 horas

Obradoiro; de 4 anos en diante*
Para cantar e bailar, con Luís Prego e Samuel Soto
Para aprender cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados; para experimentar os primeiros pasos do baile tradicional e practicar diversas melodías e ritmos. Luís Prego é profesor de canto e baile tradicional e autor dos libros Para cantar e bailar e Xogos musicais.
— Xoves 20 de decembro, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco)

Faladoiro. Poden asistir tamén nenas e nenos
Claves para unha lactación materna exitosa, con Cristina Fariñas, psicóloga especialista no eido perinatal
Falaremos do parto e da lactación materna; o contacto precoz e a primeira toma; o agarre e a posición; a succión e deglutición. Daremos a coñecer recursos asociacións de lactación locais e resolveremos as vosas dúbidas.
— Venres 21 de decembro, de 17.30 a 19.00 horas

Obradoiro; de 0 a 6 anos*
Orella pendella, con Bea Campos de Migallas Teatro
Sesión para aprendermos e xogarmos cos ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais acompañadas de música en directo; tomaremos como base orellapendella.gal
— Sábado 22 de decembro. Primeira sesión ás 11 horas (45 min.)
— Sábado 22 de decembro. Segunda sesión ás 12.15 horas (45 min.)

  • Añade una nueva fila
  • Añade una nueva fila
  • Añade una nueva fila
  • Indica as actividades por orde de preferencia

    No caso de non querer asistir a todas as propostas, podes deixalas en branco.
  • Aviso importante

    Unha vez enviado o formulario, recibirás un correo de confirmación.
    Se non recibes confirmación comproba a carpeta de spam ou chámanos ao número 986 863 157